É sabido que a música mellora a concentración, a memoria, a coordinación, a expresión, as habilidades de síntese, a empatía, o traballo en equipo e o desenvolvemento cognitivo. Tamén promove a integración, o intercambio de ideas, o respecto dos compañeiros, a creatividade e o desenvolvemento da intelixencia emocional.
En pleno confinamento a música amosou o seu papel relevante como vehículo xestor de emocións a través do que puidemos expresarnos e reducir o medo, a ansiedade e o estrés. A pesar de todo isto, vemos con estupor que na proposta curricular de Galicia non se contempla ningunha materia de temática musical, nin sequera con carácter optativo en ningunha modalidade de Bacharelato que non sexa a de Artes pola Vía de Música e Artes Escénicas, que se oferta en moi poucos centros de Galicia. A educación artística en xeral xa ten pouca presenza na Educación Primaria e na ESO. Se ademais desaparece do Bacharelato, o 95% do alumnado non terá apenas formación musical, que será unicamente para o 5% que asiste a Escolas de Música e Conservatorios. É a educación musical un luxo ou é un dereito para todo o alumnado? Queremos preparar á xuventude para o mundo actual, onde o traballo colaborativo, a educación emocional, o uso da tecnoloxía e a creatividade son aspectos fundamentais, pero á vez eliminamos dos currículos as materias nas que mellor se poden traballar todos eles. Ademais, se o alumnado non conta con formación artística de base, que vai pasar nun futuro co tecido cultural de todo o país? Debemos preparar ao alumnado para os retos do futuro a través da transversalidade, o traballo en equipo e a creatividade, polo que as ensinanzas artísticas, e en especial a música son fundamentais. Rectificar é de sabios e a administración aínda está a tempo de facelo. Xa temos data para a convocatoria do Musiqueando 2022- #nosimportalamúsica. Este 28 de abril sairemos a tocar á rúa para celebrar un día de festa pola Música escolar.
Se aínda non o coñecedes ou se precisades máis información, premede na seguinte ligazón. Enchamos España de Música! Saíu publicado no BOE o Real Decreto que establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Primaria. Podedes consultalo na seguinte ligazón.
Seguramente pronto sairá o de Ensino Secundario. Estaremos atent@s! Xa están dispoñibles as entradas para o Congreso #ConEuterpe que se celebrará en Logroño do 6 ao 8 de maio. Poderedes desfrutar de experiencias educativas, ponencias, obradoiros e actuacións musicais. Tedes toda a información na seguinte ligazón.
Animádevos! Xa temos información sobre o Foro de educación musical que organiza a COAEM coa colaboración de Apemex e a Universidade de Extremadura. Terá lugar en Badajoz do 24 ao 26 de marzo e contará con mesas de debate, obradoiros, comunicacións de expertos e de experiencias de aula... e poderase participar en modalidade presencial ou virtual. Por suposto, como membros da COAEM, @s asociad@s de ASOMUSICA terán un desconto na inscrición.
Ademais, este I Foro por la Educación Musical de España (#FOROEM22Badajoz) convida a docentes (de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bachalerato, Escolas de Música, Conservatorios, Ciclos Formativos), investigadores, persoas e colectivos interesados en hacer aportes relacionados coa Educación Musical, a enviar a súa proposta/resumo de traballos en formato Comunicación (15 minutos), Mesa redonda-Simposio (ata 60 minutos) e Póster. Se vos interesa esta opción tedes ata o 13 de febreiro para enviar a vosa proposta. Tedes a información completa co programa, poñentes... na web do Foro. Animádevos a participar! A Xunta de Galicia acaba de anunciar a convocatoria de prazas nas oposicións de educación de 2022. Por primeira vez desde hai moitos anos a convocatoria inclúe prazas de Música para o corpo de ensino Secundario. Podedes ampliar a información na seguinte ligazón ou consultando o dossier.
O sábado, día 18, acudimos á concentración en defensa do ensino musical que se celebrou na Praza do Toural de Santiago de Compostela no marco da convocatoria da COAEM para todo o Estado Español. O obxectivo é reivindicar un ensino musical digno e suficiente para todo o alumnado de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.
Pedimos un maior número de horas de música en todas as etapas obrigatorias e, en Bacharelato, garantir a optatividade en todas as modalidades ofrecendo materias optativas de música. A prensa tamén se fixo eco das nosas reivindicacións. Podedes consultalo na seguinte ligazón. O próximo 18 de decembro, ASOMUSICA vai unirse ás mobilizacións convocadas desde a COAEM en defensa da Educación Musical, para reclamar ás autoridades educativas que se inclúa a materia de Música en todos os niveis do ensino obrigatorio (Infantil, Primaria e E.S.O.) e Bacharelato, así como unha maior presenza lectiva dentro do sistema educativo. Achégate á praza do Toural de Santiago de Compostela ás 12h para a concentración e anímate a cantar con nós a peza que xuntamos. Agardámoste!!
A Música forma parte esencial das nosas vidas. A nosa Comunidade Autónoma conta con dous Conservatorios Superiores de Música e unha Escola Superior de Arte Dramática, onde se imparten ensinanzas equivalentes ás universitarias. Ademais, podemos sumar oito conservatorios de Música e Danza de Ensino Elemental e Profesional dependentes da Xunta, e varios máis dependentes de Deputacións ou Concellos e, tamén, mencionar Escolas de Música públicas, normalmente de titularidade municipal.
Afortunadamente, existen dúas orquestras profesionais e compañías de Teatro e Danza de primeiro nivel, tanto públicas como privadas. En tódalas cidades podemos gozar de concertos, espectáculos de teatro, circo, danza e audiovisuais de gran variedade de estilos e formatos. Sen embargo, este escenario aparentemente favorable á vida artística e musical, contrasta coa triste realidade na nova lei educativa, xa que a Música na LOMLOE segue a perder espazo ata case desaparecer do curriculum. A LOMLOE insiste en negar presenza ás artes, principalmente ás performativas, malia que o desenvolvemento da personalidade tanto na infancia coma na adolescencia favorécese coa aprendizaxe das artes, sendo a música un dos vehículos identitarios máis fortes. As materias de Música e de Artes Escénicas e Danza son o único espazo onde o alumnado pode experimentar co seu corpo como vehículo de expresión artística e achegarse directamente a estes contidos. Tódolos estudos de investigación concordan en que a través da educación musical se melloran a concentración, a memoria, a coordinación, a expresión, a capacidade de síntese, a empatía, o traballo en equipo e o desenvolvemento cognitivo. Alén disto, somos conscientes de que a través das clases de Música e Artes Escénicas se favorecen as actividades colaborativas, a integración do alumnado nun grupo, foméntase o intercambio de ideas, o respecto entre iguais, a creatividade, o coñecemento doutros contextos e o desenvolvemento da intelixencia emocional. Por que se insiste en que desaparezan estas destrezas e saberes dos plans de estudos? É que a LOMLOE perpetúa o primeiro dos problemas da Educación Musical nas anteriores leis: unha presenza insuficiente, discontinua, incoherente e inconexa no sistema educativo xeral. A carga lectiva ao longo da Primaria e a Secundaria Obrigatoria segue sendo escasa e desordenada. Non se garante a súa presenza nin en Infantil nin practicamente en todo o Bacharelato, onde a proposta curricular pretende eliminala como optativa e deixala relegada unicamente á vía do Bacharelato de Artes Escénicas (que actualmente só se oferta en 11 institutos de toda Galicia). Ademais, desaparece a materia optativa de 4º ESO e a de Artes escénicas e Danza. A inmensa maioría do alumnado vai realizar os seus estudos académicos sen ter acceso a unha Educación Musical mínima. O gran público do futuro non sae unicamente dos conservatorios e das escolas de música: tamén é perto do 95% dos nenos, nenas e adolescentes que están agora nos colexios e institutos de toda Galicia e que só recibirán a educación e formación musical, de artes escénicas e danza que lle deamos no ensino. Cal é o obxectivo primordial dos docentes de música de Galicia? Queremos acompañar o desenvolvemento do noso alumnado en tódalas súas etapas educativas a través da música, do movemento, do audiovisual, da voz e dos instrumentos, da percusión corporal, etc. e poñer en valor as súas verdadeiras capacidades. Para conseguir isto é esencial unha educación musical de calidade, presente en tódolos centros educativos galegos e en tódalas etapas educativas de ensino pre-obrigatorio, obrigatorio e post-obrigatorio. É imprescindible que a Música teña unha presenza abonda para achegar ao alumnado o desenvolvemento artístico imprescindible para construírmonos como persoas e como sociedade, en todos e cada un dos aspectos da vida. |
NovasNesta sección poderedes atopar novas relacionadas coa asociación ou coa educación musical. Publicacións
Marzo 2024
Categorías
Todos
|